|
|
A
Batalla de Rande
En 1702, as nosas costas foron escenario dun dos máis
cruentos combates navais que lembra a Historia de
Europa. Por aquel entón, o continente debatíase nun
conflicto de grandes dimensións, no que estaba en xogo a
sucesión á Coroa de España. A posibilidade de que Felipe
de Anjou, neto do Rei Sol, accedese ó trono español,
provocou a enérxica reacción das demais potencias,
temerosas de ver unidos o poderío militar e económico
francés co inmenso potencial do Imperio colonial
español.
O 11 de xuño deste mesmo ano zarpaba de La Habana, rumbo
a Cádiz, a Frota de Indias: 19 galeóns españois,
escoltados por 22 navíos franceses, transportaban o máis
valioso cargamento que xamais cruzara o Atlántico. Pero
mediada a travesía, descubriron que unha poderosísima
escuadra anglo-holandesa os estaba agardando no Cabo San
Vicente. Así que o almirante Manuel de Velasco, seguindo
os consellos dun piloto galego, puxo rumbo á ría de
Vigo, na que entraron o 22 de setembro. O comboi buscou
refuxio na Enseada de San Simón, comezando
inmediatamente os preparativos para a defensa: o paso de
Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e
pequenas embarcacións, á vez que se reclutaban
apresuradamente milicias para reforza-los dous pequenos
fortes existentes a cada lado do estreito.
Paralelamente, 1.200 carros do país foron requisados
para transporta-las mercadorías a Madrid.
Un mes foi exactamente o tempo que tardou Rooke en
descubri-lo paradoiro da Frota da Prata, e o 22 de
outubro entraba na ría a escuadra máis grande que por
aquí se tivese visto. O primeiro cometido dos
anglo-holandeses era toma-los castelos de Rande e
Corveiro, o que lograron o día seguinte sen grandes
dificultades. Entón, comezou a gran batalla. A
artillería francesa conseguíu conter ó adversario nos
primeiros embites. Así foi ata que o "Torbay", buque
insignia británico, e armado con picos, logrou rompe-la
barreira que impedía o paso do estreito. A frota rival
puido xa penetrar no fondo da ría, onde a falla de
espacio para as manobras non deixou outro recurso que a
abordaxe. A encarnizada loita corpo a corpo combinouse
co uso de numerosos materiais incendiarios, provocando
un espectáculo dantesco e arrepiante. A diferencia
numérica entre unha escuadra e outra era moi grande, e
aínda que os franceses se bateron valerosamente, a
derrota fíxose inevitable. Foi entón cando o comandante
da frota mercante española, que carecía de medios de
defensa, ordenou afundi-los buques para evitar que
caísen en mans inimigas.
Moito se ten especulado sobre a posibilidade de que os
galeóns españois se fosen a pique cargados de
incontables riquezas, cimentando así a lenda do "Tesouro
de Rande".
Ata o día de hoxe, foron numerosas as expedicións que o
buscaron. É probable que a parte máis valiosa do
cargamento tivese partido xa cara a Meseta, durante o
longo mes que estivo a frota na ría. Sen embargo, non se
pode descartar que unha parte importante permanecese
aínda nas adegas das naves. Iso parecen indicar os catro
millóns de pesos que levou o inimigo, e que xunto cos
sete buques de guerra capturados e seis galeóns,
constituíron un considerable botín.
O que si está fóra de
toda dúbida é que a batalla de Rande foi unha
carnicería. Do bando franco-español caíron 2.000 homes,
mentres que os mortos ingleses e holandeses foron uns
800. Tamén está claro que foi un desastre para os
derrotados. Os franceses perderon os seus mellores
buques de guerra, e os españois quedáronse sen barcos
para face-la carreira de Indias. E mentres o noso país
procurou esquecer axiña tan amarga derrota (ó que
contribuíu non pouco o relativo éxito no balance total
da guerra, que permitíu a consolidación dos borbóns no
trono), a victoria de Inglaterra e Holanda acadou enorme
difusión en toda Europa, e foi celebrada durante longo
tempo. A "Rúa de Vigo", en pleno centro londinense,
segue a lembrar ós británicos a gran trascendencia que
este feito de armas tivo, ó igual que Xulio Verne
inmortalizou os tesouros de Rande na súa novela "20.000
leguas de viaxe submariña".
|