A Capela do Hospital


Capela do Hospital

Capela do Hospital

 

A CAPELA DO HOSPITAL

      A primeira referencia da existencia desta institución, atópase no 1543, no listado de veciños que debían contribuir neste ano ó fisco, onde figura un tal Juan González do Espital (Hospital) que debía pagar dous reais.

Dende esa data, as novas desta institución son sempre ailladas e con breves referencias á actividade do Hospital: así Juan Franco, veciño de Cangas deixa por vía testamentaria en 1562 un carro de leña da súa debesa que ten que darse perpetuamente cada ano no hospital para beneficio dos pobres.

Ha de terse en conta, que esta clase de hospitales, a excepción dos que gozaban dalgún prestixo como os de Granada, Toledo ou o mesmo de Santiago de Compostela que chegaron a ter médicos ó seu servicio, tiñan unha función máis de residencia ou lugar de acollida de pobres que do que hoxe entendemos por establecemento asistencial para enfermos.

No 1598 o visitador arzobispal danos unha breve noticia de que o Hospital ten catro camas e carece de renta algunha, noticia que ven a confirmar que a súa actividade como institución benéfica quedaba moi limitada ó depender do diñeiro do Concello e sobre todo da caridade popular. No 1649, nunha nova visita ó Hospital, aclárase que conta cunha Capela.

No último tercio do século XVII, a falla de recursos provocada polas crisis pesqueiras e as guerras con Portugal xunto coa ausencia de esmolas provocaron a desaparición paulatina do Hospital. Sólo a Capela seguiu recibindo algunhas misas que habían de oficiarse en honor á patroa.

As instalacións do novo Hospital débense á labor do cura Gonzalo de Nogueira e Araujo, que viviu a cabalo entre os séculos XVII e XVIII. Edificou a nova capela, que foi empezada en 1711 e rematada en 1715, para que lle servira de última morada dotándoa con propiedades e rentas suficientes para que estas se fosen incrementando, co único obxetivo de perpetua-la súa memoria.

O conxunto do hospital, formado ademáis por varias casas terreñas, e un canastro, desaparece pouco antes de iniciarse o século XIX, por causa de débedas e retrasos nos pagos, sólo a Capela de Nosa Señora da Concepción pervive ata que é vendida e desmantelada pedra a pedra no 1966.É reconstruida nos Xardíns do Señal no ano 2002.

© 2004 Concello de Cangas (Organismo Autónomo de Turismo)