|
|
A
Guerra Irmandiña en Cangas
En 1467, deu comezo un dos acontecementos máis
significativos da Historia de Galicia, ó que Cangas,
dende logo, non foi allea. Daquela, os abusos e desmáns
da nobreza galega eran de tal magnitude que sumiran a
todo o Reino na máis completa anarquía. As súas
fortalezas convertíranse nun niño de malfeitores; os
roubos e crimes de toda índole eran moeda común ó longo
e ancho do país, sustituíndo a orde e a xustiza pola lei
do máis forte. Ademais, o afán desmedido dos señores
feudais por engrandecerse e enriquecerse levounos a
usurpar señoríos eclesiásticos e a protagonizar
continuos enfrontamentos entre si.
Todo elo terminou por exaspera-los ánimos do campesiñado
e das cidades, que dende 1464 principiaron a solicita-lo
consentimento de El-Rei para formar irmandades que se
encargasen de velar pola seguridade e a paz. A partir
deste intre, os feitos precipitáronse. O movemento
asociativo, que empezou nos principais núcleos de
poboación, estendeuse coma un regueiro de pólvora ata os
últimos confíns rurais, para desembocar na formación da
"Santa Irmandade do Reino de Galicia". Os seus cargos
electos considerábanse delegados rexios, e como tales
asumiron o poder. A resolución dos "alcaldes" e
"deputados" irmandiños á hora de aplicar xustiza foi
implacable: numerosos asasinos e bandoleiros foron
executados sumariamente, mediante "asaetamento".
Posteriormente, a ira irmandiña dirixíuse contra o
máximo símbolo da opresión feudal: as fortalezas. Un
inmenso exército popular cercou e acabou derrocando non
menos de 140 torres e castelos en todo o país, tralo cal
a derrota dos grandes nobres foi completa, fuxindo estes
a Portugal ou Castela. Entre 1467 e 1469, a Santa
Irmandade foi o único goberno que tivo Galicia.
En Cangas, o oprobio señorial estaba representado pola
fortaleza de Darbo, pertencente dende 1184 ó arcebispo
de Santiago. Situada no cumio do que hoxe se coñece coma
Monte Castelo, consistía básicamente nunha cerca ou
muralla, reforzada con catro bastións, e no seu interior
ubicábanse dúas casas, protexidas á súa vez por unha
empalizada de madeira. Aínda que constituía unha
construcción máis ben endeble, o seu emplazamento
convertíana nun punto moi difícil de atacar.
Tamén a nosa vila tivo a súa propia "irmandade" co seu
correspondente "alcalde", Xoán de Fontefría. E a saña
dos sublevados cangueses recaiu sobre o cercano castelo,
ó cal acudiron para sitialo "todos a unha", segundo o
dicir da época. Non sabemos se foi tomado ó asalto ou se
foi entregado pacíficamente polo seu "meriño" Vasco
Fernández. O que si é seguro é que foi totalmente
destruído, e case con certeza "ata non deixar pedra
sobre pedra", tal e coma os irmandiños acostumaban facer.
E aínda terían tempo as milicias populares de Cangas
para participar no derrocamento doutras fortalezas
próximas, como a de Soutomaior.
Despois de que os "gorrións" tivensen triunfado sobre os
"falcóns" durante tres longos anos, chegou a hora de que
estes últimos se resarcisen. A contraofensiva señorial
de 1469 terminou co desbaratamento final das irmandades,
pero nada voltaría a se-lo mesmo. A derrota militar de
1467 supuxo o principio do fin do poder feudal da
aristocracia galega; o seu illamento social fixérase
patente, e tamén a súa total incapacidade para dirixir
políticamnte o país. Os decenios vindeiros traerían
consigo un fortalecemento da monarquía e das súas
institucións, e Galicia entraría con paso firme na nova
era da modernidade.
|