|
|
As
Miegas de Cangas e a Inquisición
Entre 1619 e 1628 numerosas mulleres de Cangas foron
xulgadas polo Tribunal do Santo Oficio (Inquisición) por
suposta "bruxería". Hoxe en día sabemos que aquelas
desgraciadas, que acabaron confesando atrocidades a
forza de espantosos tormentos, foron en realidade
víctimas dunha invención dos inquisidores. A "caza de
bruxas" estivo directamente provocada polo
emprobecemento xeral que seguíu á invasión turca de
1617. A pequena nobreza víu descender as súas rendas de
xeito alarmante, polo que buscou por tódolos medios os
recursos necesarios para mante-lo seu nivel de vida. A
Inquisición, integrada case exclusivamente por membros
deste grupo social, foi un eficaz medio para logra-lo
seu propósito.
O obxectivo primordial era arrebatar a certas persoas os
seus "dereitos de presentación" en capelas e freguesías.
Consistía este dereito en que os sucesores do fundador
dunha igrexa podían propoñer ó seu titular cando quedase
vacante, e á súa vez participar dos beneficios que
aquela xerase. Para disimular o seu reprobable
propósito, mesturaron algunas que si os posuían con
outras que eran "pobres de solemnidade". Moitas delas
atopábanse totalmente desamparadas, por ter quedado
viúvas tralos tristes sucesos de 1617.
Este foi o caso da máis famosa das supostas "meigas" de
Cangas, ou polo menos a que máis trascendeu do seu
tempo, inmortalizada en cantares como o que di: "Ay que
soliña quedaches, María, María Soliña". Esta cantiga
parece indicarnos que as xentes a lembraron, maís que
como maléfica e perniciosa bruxa, como unha pobre e
desgraciadísima muller, reflexo de tódolos sufrimentos
do pobo.
María Soliña, posuidora de dereitos de presentación en
Aldán e Moaña, entrou nos cárceres secretos da
Inquisición no 1621. Todo o proceso foi dirixido a
demostrar que esta inofensiva muller gozaba de poderes
demoníacos, capaces de provocar incontables males, e que
entregara a súa alma ó diaño. Pero foron as propias
confesións de María Soliña, provocadas polo suplicio, as
que chegaron a roza-lo paroxismo. Asegurou ser bruxa
dende había máis de 20 anos, e ter tido actos nefandos
co demo durante longo tempo, o cal se lle aparecía en
forma de home.
E mentres isto declaraba, María Soliña suplicaba
clemencia ó Tribunal e proclamaba o seu arrepentimento,
pois aseguraba que xamais renegara de corazón de Noso
Señor, senón só de palabra. Todo isto revela a
desesperación anímica desta muller, como consecuencia
dunha terrible tortura física e psicolóxica. O 23 de
xaneiro de 1622 chegou por fin a sentencia. Foi
condenada cunha confiscación de bens, debendo porta-lo
hábito penitencial durante medio ano. Non sabemos se
chegou a cumprir toda a pena, pois probablemente a súa
vida non durou moito máis. As secuelas físicas do
tormento non podían deixar de notarse nunha muller de 70
anos de idade. A súa acta de defunción non foi atopada
aínda. Tal vez algún día descubramos onde repousan os
seus castigados restos.
Outras moitas "bruxas" foron xulgadas durante estes
anos. Mulleres como Catalina de la Iglesia, que confesou
ter matado a cinco criaturas. Ou como Elvira Martínez,
Teresa Pérez, María dos Santos,…estas pobres infelices
merecen o respeto dos heroes anónimos dun pobo que houbo
de sufrir, estoicamente, os abusos e a avaricia infame
dus poucos. Tal vez próximas investigacións aporten nova
luz sobre as súas vidas, pero a memoria colectiva as
lembrará non como meigas, senón como o que realmente
foron, persoas de carne e óso, con tódalas súas miserias
e grandezas.
|