Ten unha superficie duns 6.000 metros cadrados e está situada detrás da praia do Medio, a 50 metros da beiramar. E unha lagoa de augas doces e profundas totalmente afastada do mar que mantén durante todo o ano moi bo nivel de auga.
Está situada en Punta baleras, que se trata dunha zona de gran beleza paisaxística. Conta con diversas praias (A Congorza, Do Medio e Areamilla) e unha boa representación de costa rochosa, que en baixamar descobre unha ampla superficie intermareal. En terra atópanse: a Lagoa da Congorza, de 2.6 ha. (catalogada co nº 1140208 no inventario de humidais de Galicia), zona palustre, bosquete de salgueiros e loureiros, toxal, costa rochosa, dunas, campos de cultivo e baldíos. A praia de Areamilla aínda conserva un espazo de dunas que engade atractivo a este tramo de costa.
Esta lagoa ata os anos cincuenta, era unha zona húmida onde apousentaban as augas do pequeno val de Balea, que non cegaban a saír ao mar debido a que debería ser natural que a saída fora obstruída pola formación dunha barreira natural de area na traseira da praia, e tamén ao pouco volume de auga, xa que non hai ningún regato que aporte caudal algún. Nos últimos anos da década citada, levouse a cabo a extracción de terras para formación da actual lagoa, co fin de crear un reservorio de auga para o subministro da frábrica de conservas de Massó.
Así pois, hoxe temos unha zona húmida litoral de singulares características que configuran un ecosistema con presenza de grandes cantidades de organismos, tanto vexetais como animais, que determinan unha elevada produtividade biolóxica, lle confiren especiais características como área de acougo, alimentación e cría de numerosas especies animais, especialmente aves, pero tamén outras pertencentes aos grupos animais máis diversos.
O hábitat máis característico de Punta Balea, a lagoa, era orixinariamente unha braña húmida no verán, que permanecía totalmente asolagada en inverno ata que o home o transformou. Estamos a falar dunha zona singular no Morrazo, xa que apenas existen hábitats semellantes na comarca. A vexetación palustre que rodea a lagoa (principalmente espadanas) refuxio de fauna acuática, atópanse en perigo por causas como a instalación dun tubo de desaugue para a lagoa, nun nivel moi baixo. Aquí viven ata 7 especies de patos, dos que o lavanco cría e reside todo o ano. Tamén cría a galiñola común e no inverno aparece a galiñola negra. Nas árbores que bordean a lagoa repousan e quedan a durmir a garza branca, a garza cincenta e o picapeixe
Hai catalogadas aquí na actualidade unhas 400 especies de plantas, 70 de insectos coleópteros e bolboretas, 1 peixe (anguía da lagoa), 6 anfibios, 14 réptiles, 140 aves (das que polo menos 23 crían na zona) e 20 mamíferos.