Cangas,
...a mar de ben

   
  Cangas,  

Inicio

 >>Lugares con encanto... (Cangas)

Galego

Castellano

Eng.

Como Chegar
Actividades Turísticas
Praias
Rutas de Interese
Lugares con Encanto
Parroquias
Historia
Actividade Cultural
As Tres Cangas
Gastronomía
Onde Comer...
Aloxamento
Corporación Municipal
Contacto
     

 

 

 

 



 


Cupón de la ONCE
Lotería Nacional Quiniela Fútbol La Primitiva El Gordo de la Primitiva La Bonoloto
 
 

 

:: O CARBALLAL DE COIRO

:: A RUTA DAS CAPELAS

:: SANTUARIO DO DEUS BEROBREO

:: O FRENDOAL

O Carballal de Coiro

CoiroEste Carballal, situado na parroquia de Coiro, representa unha das máis importantes masas de bosque autóctono da costa sur de Galicia.
Ten un gran valor para esta comarca pola súa función de captador e manancial de auga.

Pódese acceder a el por varios lugares. Primeiro, vindo de Bueu a Cangas pola PO- 551, xusto ó chegar ó Alto da Portela, collemos un desvío á esquerda que vai dar á ermida de San Cosme. Pouco a pouco adentrámonos na Fraga, pasando pola cascada do río Bouzós, que discorre dende a zona de Ermelo e que agacha numerosos muíños sendo o máis coñecido o de “Fausto”.
Un segundo camiño máis doado é subindo ata a fermosa igrexa de Coiro e colle-la senda que continúa pola parte traseira da mesma. Atravesamos una corredoira en forte pendente que conflúe coa pista principal que ven dende San Cosme. Por alí atoparemos varios cruces de camiños que levan ó monte da Pena, ó da Paralaia ou o de Érmelo.

Neste espacio natural a árbore dominante é o carballo (Quercus robur). Atopamos tamén especies autóctonas como o castiñeiro, a cerdeira, e outras. Nesta mancha é abundante a coñecida falsa acacia (Robinia pseudo acacia) e os Loureiros, sanguiños, estripeiros, … son algúns dos arbustos que forman parte do sotobosque. Declarado Espacio Natural Protexido polos seus valores ecolóxicos, paisaxísticos e recreativos, o igual que Cabo Home e Barra, este Carballal conta cunha superficie aproximada de 365 hectáreas localizadas nos lindes dos concellos de Bueu, Cangas e Moaña.

Carballal de Coiro

 

 

A Ruta das Capelas

Mapa de Capelas

Cangas contou dende épocas moi antigas cunha serie de lugares, moitos deles de orixe precristián, onde se levantaron capelas e ermidas que conservaban no seu interior imaxes sagradas para os cangueses.
Estas imaxes protexían sobre todo de enfermidades como a peste e a lepra, que asolaron a vila en varias ocasións. Co fin de evitar a presencia destes enfermos na vila, estas construccións situábanse normalmente fora dos núcleos urbáns. Hoxe en día consérvanse moitas delas, sendo de interese turístico polas romarías que se celebran nos seus adros. En cada unha das parroquias pertencentes o municipio de Cangas atopamos exemplos de distintas épocas e estilos, dende o románico ó barroco.

...en COIRO:

San Cosme1.CAPELA DE SAN COSME E SAN DAMIÁN:
Está situada na zona de Parada, na mesma estrada que nos leva a Bueu pola Portela. Data do ano 1708 e ten un marcado estilo barroco, cunha soa nave rectangular. A súa porta principal está presidida por un grande escudo, así mesmo posúe unha porta lateral adintelada. A festividade destes dous santos celébrase a principios de setembro, son os patróns dos médicos e boticarios respectivamente, sendo representado San Cosme cunha vaixela de vidro e San Damián con instrumental de botica dentro dunha caixa.

 

2.CAPELA DO ESPÍRITU SANTO:
 Situada no barrio do mesmo nome, foi fundada no ano 1606 por un importante mercador da época. O seu estilo e barroco como se pode ver na súa planta basilical, e nos recentes engadidos na fachada. Ten unha sala ó lado do altar maior, a modo de sancristía. A finais do mes de maio, no Pentecostes, os fregueses van render culto o santo en busca da curación de problemas do peito tales como asma, tos, catarro,….etc.

3.CAPELA DE SANTO DOMINGO E SANTA ISABEL:
Fundada no ano 1718 pola familia Hormaeche esta ermida situase nos límites da parroquia de Coiro coa freguesía de Tirán. O igual que as outras capelas, consta dunha soa nave co teito de dúas augas. Tiña unha finalidade sinxelamente onomástica ós seus fundadores: Domingo de Horeche e Isabel de Oitabén.

 

...en DARBO:

San Pedro4.CAPELA DE SAN PEDRO:
Foi probablemente no século XVI cando aparece citada no libro de visitas do ano 1598 nun informe realizado polo Bispo compostelán referíndose á mesma.
Trátase dunha capela de estilo renacentista con trazos sinxelos, sendo o seu estado actual froito de varias reformas, que deixan o descuberto a súa última restauración no 1993. A ermida comparte a vocación a San Pedro e San Isidro.
A imaxe de San Pedro, duns 50 cm. de altura, foi doada no ano 1820 por unha das familias acomodadas da época. Este santo está representado cunhas chaves na man, símbolo das portas do ceo, e cun libro na outra como símbolo da penitencia.
A imaxe de San Isidro, máis recente, entre os séculos XIX e XX, lévana en procesión nun carro de bois adornado con espigas, por ser o defensor das colleitas agrícolas na Idade Media. A San Pedro Mariñeiro pídenlle, sobre todo os mariñeiros, abundancia nas faenas pesqueiras así como na saúde.
Os fieis acoden a celebrar a festividade de ámbolos dous santos o 29 de xuño.
Esta ermida conta ademais con diferentes imaxes como son á de Santa Rita, Santa Lucía e Santa Lourdes, sendo esta última a máis recente.


5.CAPELA DE SANTA MARTA:

Asentada na parroquia de Darbo a beira da praia co mesmo nome. A construcción é de estilo románico, non coñecéndose a data exacta de construcción. A finais do século XVI, a igrexa presentaba un estado de deterioro, polo que foi restaurada no 1603. Esto motivou a perda de gran parte das súa trazas románicas, e a disposición dun novo deseño como a cruz sobre o campanario. A ermida permaneceu en estado ruinoso durante gran parte do século S.XX, sendo reconstruída para o culto nos anos 80. A lenda conta que as irmás de San Lázaro, Santa Marta e Santa Magdalena, escapando da persecución chegaron ás costas do Morrazo, lugar exacto onde se atopa a capela co mesmo nome. A iconografía representa a Santa Marta co tributo propio dos leprosos: o caldeiro suxeito pola man, que se utiliza como sinal sonora para advertir os veciños da proximidade dun enfermo.
 

San Roque6.CAPELA DE SAN ROQUE:
Situada nos termos da parroquia de Darbo, dende o alto contémplase unha fermosa vista da Ría de Vigo e da vila de Cangas. Foi levantada no século XVI, probablemente a consecuencia das fortes pestes que asolaron a comarca nesa época. Nun principio estivo adicada a San Sebastián, soldado do exército romano que, condenado a morrer saeteado por facerse cristián, foi salvado por unhas piadosas mulleres. Pasado un tempo, San Sebastián presentouse curado ante todo aquel que o sentenciou e o cría morto polo que a partir de este momento é elixido como patrón de todos aqueles salvados dunha morte segura. Este santo é representado semi espido, atado a unha árbore e con varias saetas cravadas no corpo. No século XV San Sebastián é reemprazado por San Roque, que está representado mostrando as feridas nos xeonllos e acompañado sempre por un can. Ámbolos dous santos pasaron a ser os protectores da peste. Veneráronse con entusiasmo durante as epidemias de cólera que padeceu a vila nos anos 1832, 1854 e 1892. Sacábannos en procesión ó tempo que se atacaba ó mal con luminarias nas que se queimaban prantas aromáticas e loureiro para purificar o aire, votando todo isto despois polas roupas dos mortos para evitar contaxios. A festividade de San Roque celébrase o 16 de agosto e a de San Sebastián o 17 de xaneiro.

San Blas7.CAPELA DE SAN BLAS:
Tamén coñecida como capela de Santa Magdalena, trátase dunha construcción do S.XII dunha soa nave e de ábside rectangular. Ten unha porta adintelada no muro meridional e outra no occidental cun tímpano. O ábside contempla un único elemento decorativo, un carneiro sobre o que se atopa unha cruz de círculo central. O aleiro é soportado por canzorros románicos sinxelos e rematados con dous carneiros. Está localizada na Portela, nos límites co concello de Bueu.
Esta igrexa tamén serviu durante séculos como punto de peregrinación daqueles que padecían o mal da lepra. A causa do seu deterioro, no ano 1598, o arcebispo Don Xoán de San Clemente mandouna derrubar, para ser posteriormente reedificada no S.XVII; conservando afortunadamente sobre o piñón testeiro do ábside o “ Agnus Dei”, que nos recorda a súa orixe medieval. Erradicada a epidemia da lepra, esta ermida adícouse a San Blas bispo e mártir no 316 moi popular durante a Idade Media que exerceu a medicina. Un dos seus milagres sucedeu cando se atopaba no cárcere e unha nai levoulle o seu fillo esganado cunha espiña, para que lle devolvera a vida. O ritual de petición empregado polos fieis consiste en colocar dúas velas cruzadas sobre a súa cabeza e tocarlle con elas a gorxa. Este santo represéntase portando nunha man as dúas velas cruzadas e na outra un peite de ferro, xunto co neno que salvou. A súa festividade celébrase o 3 de febreiro.
 


...en ALDÁN:

San Amaro8.CAPELA DE SAN AMARO:
Está situada ó norte de Menduíña, nunha carballeira onde tódolos 18 de xullo e durante varios días, se celebra a romaría de Santa Mariña.
Trátase dun templo de feitura neoclásica (S. XIX), froito da reconstrucción da súa antiga forma. Un arco de medio punto aparecido tralo retablo, permítenos asociarlle unhas posibles orixes románicas. Consta dunha soa nave rectangular e unha sancristía anexa cun alpendre. Destaca a súa sobriedade, con poucos elementos decorativos que resaltan as liñas xeométricas e clásicas. Nesta capela venérase a San Amaro (ou San Mauro) o 15 de xaneiro e a Santa Mariña o 18 de xullo. A principios dos 90, sufriu un incendio do cal só quedaron intactas as campás. Hoxe en día está restaurada, sen retablo, con novos santos e teitume nova. Na espadaña posúe unha cruz paté e dous lampiños. Cruces como estas tamén coroan a parte traseira e o curuto do teito da sancristía. Sinalar ademais as súas dimensións, xa que é o maior templo non parroquial do Morrazo. Mentres se construía a igrexa de San Cibrán de Aldán, esta capela tivo a categoría de igrexa matriz da parroquia. O adro da ermida está rodeado por unha muralla na que podemos ler claramente San Amaro. Para o acceso o mesmo existen unhas escaleiras en semicírculo onde antigamente se atopaba un portalón. Outras das construccións anexas á capela son un cruceiro xusto diante do edificio, un palco onde tocan as bandas de gaitas e a “Casa das Ánimas”, tamén coñecida como a “Casa das Velas” utilizada polas mulleres para rezar polas almas do purgatorio e onde se gardaban os lirios.


 

...no HIO:

9.CAPELA DE SANTIAGO DE DONÓN:
Pequena capela restaurada recentemente, situada no comezo da aldea ó borde da calzada. Serve como lugar de culto para a xente do lugar onde o párroco do Hío acude a celebrar os oficios. Como o seu propio nome indica e ó igual que a Ex – Colexiata, igrexa principal da vila, está adicada a Santiago Apóstolo A festividade de Santiago se celebra o 25 de xullo, Día de Galicia.


10.CAPELA DE SAN BARTOLOMÉ:San Bartolomé
Atópase na parroquia do Hío concretamente en Vilariño e está adicada a San Bartolomé, un dos doce Apóstolos que compartiron mesa con Xesucristo na derradeira cea. Trátase dunha pequena edificación do S. XVI (1593) de trazos moi sinxelos onde case non se aprecia o carácter renacentista da súa portada. Foi mandada construír por un importante veciño de Cangas, D. Xoán Labado Mercader, capitán da vila que pediu trala súa morte lle adicaran unha misa ó mes, (feito moi usual entre a xente adiñeirada da época). No ano 1617, data clave na historia de Cangas, a capela sufriu o paso dos piratas turcos, tendo que ser restaurada algunhas das imaxes. En canto a San Bartolomé a lenda di que foi despelexado vivo, e por iso os seus tributos son o coitelo ou ben a súa propia pel que o santo leva no brazo dunha soa peza a modo de gabán. A súa festividade conmemórase o día 24 de Agosto.

 

 



11.CAPELA DE SAN LORENZO:
Desta capela situada no Hío na aldea de Vilanova, podemos dicir que é de recente construcción e que non presenta ningún detalle constructivo destacable. Está adicada a San Lorenzo, mártir condenado a morrer queimado vivo nunha parrilla. A súa festividade celebrase o 10 de agosto.

San Loenzo


 

© 2004 Concello de Cangas (Organismo Autónomo de Turismo)