|
|
"O Facho" en Hio

No extremo occidental
da Península do Morrazo, individualizado do seu contorno e
elevado sobre o Océano, o Monte do Facho acolleu ó longo
de séculos distintas expresións da vida na comarca, que
o son tamén da Historia de Galicia. En primeiro lugar,
desde o século X a.C. ata o século VII a.C., existiu un
poboado na ladeira Este do que a penas temos información
salvo a do seu excepcional tamaño. A partir do século VI
a.C. xorde o castro galaico, poboado fortificado que
subsistirá ata o século I a.C. Del aínda podemos ver
parte das murallas, o foso, as pedras que conformaban as
súas vivendas e que hoxe cobren as ladeiras do monte, os
vertedoiros de lixo nas marxes do poboado ou a
topografía actual do monte que deriva tanto da
construcción mesma do poboado como da configuración
natural. Posteriormente, un santuario levantado sobre o
cumio vai a recoller as vellas crenzas de quen viviran
no castro para dotalas, ó longo dos séculos II ó IV
d.C., dun novo carácter, agora marcado polo proceso de
asimilación da cultura latina na rexión do imperio
romano chamado Gallaecia. Finalmente no século XVIII
constrúese o posto de vixilancia costeira con fins
militares do cal pervive a garita.
Os altares votivos,
ara en latín, son os achados máis significativos das
escavacións do Monte do Facho. A súa función era ofrecer
ó deus un pequeno monumento que recolle nunha inscrición
a súa condición de exvoto, a divindade á que vai
dirixida e, en ocasións, o nome do dedicante e/ou os
motivos da ofrenda. Os exemplos do Monte do Facho
constatan a interpretación que fan o galaicos dos
modelos orixinais romanos. Ó lado de escasos exemplos
clásicos, atopamos a reformulación no ambiente
provincial galaico, con variacións na morfoloxía e
enriquecemento ornamental ata chegar despois nas últimas
fases do santuario a unhas formas moi afastadas dos
modelos romanos. Un proceso que expresa a creación dunha
identidade estética e simbólica galaico-romana.
O santuario de Berobreo
dispoñíase nunha área en pendente que circunda o cumio
do monte. Existen restos de columnas que indican a
existencia dun edificio, pero ata agora só coñecemos
unha disposición a ceo aberto de altares que, fincados
na terra e en grande número, ocupaban boa parte desa
área. Unha acumulación que motivou a tendencia dos
monumentos a ser estreitos e altos, configurando o que á
vista parecía un “bosque de aras”. Ó final da existencia
do santuario, o lugar foi abandonado; as aras irán
caendo e amoreándose, a veces fragmentadas, para
permanecer así ata os nosos días.
|