|

 |
"O Frendoal" en
Aldán
FINCA DO FRENDOAL NA PARROQUIA DE ALDÁN.
A Casa Torre de Aldán pertencente ós Condes de
Canalejas, grandes terratenentes da Comarca, contaba
cunha das extensións máis amplas e fermosas da Península
do Morrazo. Situada no corazón da parroquia de Aldán, a
finca contaba con estructuras arquitectónicas de gran
valor artístico e monumental, e era empregada pola
familia e os seus achegados como lugar de descanso e
lecer, para practica-los seus deportes favoritos, entre
eles a caza. Ata fai pouco, o poder disfrutar destes
paraxes, era cousa dun grupo reducido, dado que se
trataba dunha propiedade privada. Esta condición cambiou
ó pasa-la Finca do Frendoal, popularmente coñecida como
O Bosque Encantado, a disposición do Concello de Cangas,
que a recuperou e acondicionou para que poida ser
admirada por veciños e turistas.
"Xardíns Históricos"
Trátase duns xardíns que se atopaban na zona de recreo e
descanso da Casa Condal, empregados ademais como bosque
para a caza. Orixinariamente unidos á finca do Pazo -
Torre de Aldán, a principios do século XX, quedaron
separados polo trazado da actual PO - 315.
Cabe sinalar a súa vexetación entre a que podemos atopar
magníficos exemplos de carballos, castiñeiros, bidueiros,
loureiros e algunhas especies introducidas polos condes
como son as píceas, o que permite que poidamos revivir a
época no seu máximo esplendor.
"Acueducto elevado de O Frendoal"
(Ou Arco da Condesa) Situado nunha marxe da PO – 315.
Pertenceu á Casa Torre de Aldán. Trátase dunha antiga
canalización de auga que ía dende unha lonxana mina,
situada na zona mais elevada do Frendoal, ata o Pazo.
Para salvalo desnivel construíronse dous amplos arcos,
un dos cales se eliminou o face -lo actual trazado da
estrada que vai a Bueu, sendo o seu percorrido
subterráneo. O outro arco aínda se conserva dentro da
finca, por debaixo do cal pasa o sendeiro que percorre o
parque.
Poderíase dicir que o actual acueducto é medieval, pero
si nos remontamos á súa orixe cabería sinalar que se
sitúa na época romana, esto está evidenciado dado que os
conductos do mesmo desembocan no que se presume eran as
antigas pilas da factoría de salgazón que os románs
tiñan nos baixos da actual Torre de Aldán. Dita
actividade, requiría unha gran cantidade de auga, que
sería subministrada por unhas conduccións previas ó
actual acueducto. Máis tarde, xa restaurado polo Conde,
a auga que viña das minas e que pasaba polo Arco, era
utilizada para o regadío das súas terras. O sistema foi
empregado ata os anos 70, quedando completamente
obsoleto co paso de tempo. Actualmente o acueducto non
leva auga e só queda a pegada da época dourada anterior.
Por outro lado, dentro deste entorno non podemos deixar
de sinalar os complementos con estructura de fábrica,
que nos iremos atopando no camiño:
Pequeno castelo con fosa e ponte levadiza. A súa
construcción iniciouse nos anos sesenta como zona de
descanso para os condes, pero quedou sen rematar. Na
actualidade conserva a súa estructura orixinal.
Campo de croquet. Situado fronte a fachada
principal do castelo, foi utilizado durante os anos 60 e
70.
Bancos de descanso.
Paseo bordeado de castiñeiros. Donde os veciños da
vila aproveitan a visita en outono para recoller as
castañas.
|