Os ríos de Cangas son curtos e de pouco caudal, aínda que a maioría levan auga todo o ano.

Discorren cara dous mares diferentes e distantes, ó que van augas da parte do Concello orientada ó Sur, parroquias de Coiro, Darbo e Hío, e o da ría de Aldán, ó que van augas da parte Noroeste do Concello, parroquias de Hío e Aldán, quedando no medio a costa atlántica da Vela, cunha vertente moi curta e acantilada, que non ten ningunha corrente de auga permanente.

Desembocan na R ía de Vigo:

- Río Saíñas: Nace a uns 130 metros de altitude, no Outeiro do Cruceiro, en San Martiño. Regan as veigas da Ameixoada, Gondarán, A Rúa e o Espíritu Santo, desembocando na praia de Rodeira, tras percorrer 3,2 Km. Ten sete muíños.
- Río Bouzós: Nace a unha altitude de 370 metros, nas Chans de Ermelo. Rega a veiga de Esperón, cruza a Fraga de Coiro formando fervenzas, rega as veigas do val de Coiro, nos lugares de Devesa, Sistro, Verín, Romarigo e Reboredo. En Verín recibe as augas do río das Presas. Tras percorrer 4,6 Km, desemboca no Señal, na enseada de Cangas. Movía 30 muíños, algún deles aínda en funcionamento.
- Río Presas: Nace a unha altitude de 150 metros, perto da Portela. Baixada por veigas de Priegue, Agualevada, A Magdalena, e verte augas no Bouzós, no lugar de Verín, despois de percorrer 2,7 Km. Ten un muíño.
- Río do Pontillón: Nace no monte de Varalonga, a unha altitude de 130 metros e baixada polo val de Darbo. Ten unha lonxitude de 2,2 Km e chega ó mar con moita pendente no último tramo. Desemboca na cala de Entremuíños.
- Na praia de Liméns desemboca un río con auga todo o ano, que baixa do monte Varalonga, Non chega a 1 Km.
- Na praia de Nerga desembocan dous regatos pequenos, se ben pola pouca auga ou polo terreo areoso, grande parte do ano non chega auga ó mar.
- Río de Donón: Nace a 100 metros de altitude no lugar de Coba do Pozo. Ten un comezo con bastante pendente para rematar entre as dunas da praia de Barra, con andar lenturento, pola zona chamada As Lagoas. Ten unha lonxitude de 2 Km.

Desembocan na Ría de Aldán:

- Río de Vilanova: nace a unha altitude de 200 metros, na proximidade do Outeiro Batente. Discorre en dirección ó Norte e desemboca na praia de Area Brava. Ten unha lonxitude de 2 Km. Tiña un encoro en Vilanova, que se enchía para uso de seis muíños.
- Río Fials: Nace a 150 metros de altitude, nas proximidades de Montecarrasco, recollendo augas dos montes Castelo, Fials e Carballiño da Serra da Magdalena. Leva pouco caudal e discorre en dirección ó Norte, regando a veiga de Herbello. Ten unha lonxitude de 1,7 Km, ata xuntar co río Orxas no lugar de Piñeiro.
- Río Orxas: Nace a 160 metro de altitude, recollendo as augas dos montes Bacarralido e Liboreiro, discorre en dirección Suroeste. Rega as veigas de Lagarteira, Caroseiro, Sandiño, O Piñeiro, A Corredoira e desemboca en San Cibrán, no fondo da ría de Aldán. Ten unha lonxitude duns 4 km. No lugar de Piñeiro, recibe as augas do río Fials. Movía once muíños.

 

Ríos de Cangas