|
Rutas de interese en Cangas |
Ruta polo casco histórico
Ruta guiada polo casco histórico de Cangas. Gratuíta para grupos.
Para máis información: 986 392 023 ou 986 300875
 A vila de Cangas, e moi particularmente a súa Zona Monumental, acolle un rico patrimonio artístico cada vez máis recoñecido e valorado.
Neste antigo burgo de pescadores, a man sabia do canteiro e o bo facer dos seus homes e mulleres ó longo dos séculos, acabaron legándonos la preciosa arquitectura mariñeira, que funde as súas raíces na tradición medieval.
Pero Cangas non é somentes Historia, senón tamén presente; un presente de grande vitalidade, no que o noso casco urbano continúa embelecéndose con novos e magníficos edificios contemporáneos. |
 Por iso comenzaremos o noso percorrido na "Casa do Concello", obra de vanguardia que leva o selo dun laureado arquitecto: Alberto Noguerol. Dende eiquí dirixirémonos polos magníficos Xardíns do Señal, ata o lugar onde está a "Capela do Hospital" emblemático monumento mandado construir polo prior D. Gonzalo de Nogueira e Arauxo no 1711 e reconstruida no ano 2002. |
 Entraremos logo na Alameda, coa soberbia efixie de Don José Félix Soage Villarino que no 1914 esculpiu o xenial Francisco Asorey. Á vista están algunhas mostras daquela xenerosidade sen límites con que este gran home adornou o amor que sentía pola súa vila natal: o palco da música, o mercado, e outras moitas polas que o pobo lle garda un cariño imperecedeiro.
Casi inmediata se atopa outra sublime talla coñecida como "A volta do Mar" coa que o inolvidable Xoán Piñeiro quixo render unha sentida homenaxe a todos os pescadores de Cangas.
Pouco máis alá podremos admirar o popular "Reloxo", todo un símbolo da nosa identidade, e que non é outra cousa cunha estación meteolóxica.
A partir deste momento, comeza xa a asomar toda a riqueza arquitectónica do noso casco antigo.
Na Praza do Arco, antiga porta de entrada á vila, atoparemos un deses recoletos recunchos de encanto singular, onde se di que durante a Idade Media viviron xudeus.
A rúa Antonio Garelly conserva unha das máis primorosas "casas de patín", que en Cangas é vivenda mariñeira por excelencia, e na de Pablo Igrexas pasmarémonos ante os enormes portalóns, no seu día utilizados para gardar embarcacións de pesca.
Ascenderemos logo pola Rúa Real, salpicada de vellas mansións hidalgas que aínda locen con orgullo os seus escudos de armas, pero tamén de impresionante edificacións de finais do S.XIX e principios do XX, cos seus graníticas fachadas labradas con esmero, e brancas e alegres galerías.
Veremos tamén a estatua ecuestre de Santiago Apóstolo, unha da imaxes máis coñecidas do noso conxunto histórico. Así chegaremos á principal xoia arquitectónica que atesoura a vila, e máximo orgullo dos cangueses: a Ex-Colexiata de Santiago.
A súa esplendorosa portada renacentista, levantada en 1585, cóntase entre as máis belas e armoniosas de toda Galicia. Pero é preciso, ademais, visitar o seu interior, os seus maxestuosas naves, os seus retablos barrocos e as súas imaxes de altísimo valor artístico, elementos todos ante os que ninguén queda indiferente. Alí consérvase un venerado Cristo, seica milagroso, do que se di que "non quixo arder", pois en 1617 sobreviviu ao incendio do templo por parte dos "turcos impíos". Aínda que quizá nada levante tanta admiración como outro Cristo, o do Consolo, expresión viva do sufrimento na Cruz que tan ben soubo plasmar o mestre Juan Pintos.
Dende eiquí, e a través da Rúa do Hío, dirixímonos cara ao Eirado do Costal, corazón do barrio que foi o núcleo primixenio de Cangas.
|
Os seus tortuosos caleixóns esconden moitas e moi fermosas casas de patín alternándose estas con outras modalidades de morada mariñeira, como "a casa terrera", o seu precedente máis antigo, e a "casa con sobrado" ou entre medianeiras.
Tamén aquí sorprende ao visitante un venerable canastro, que dende a súa estraña localización sobre un muro, recórdanos os duros tempos en que sobrevivir era todo un luxo. Un escudo erosionado, que outrora acolleu o emblema da Inquisición, chamará a nosa atención ao subir pola Rúa de Síngulis. Así accederemos á praza do mesmo nome, presidida por un marabilloso cruceiro barroco e enmarcada por un espléndido grupo de casas de patín, caracterizando un espazo urbano que nos traslada a outra época.
E aínda poderemos dirixir os nosos pasos cara ao Outeiro, coas súas ancestrais "casas do petisco", baixar logo ata Fonte Ferreira para coñecer o típico lavadoiro, e rematar a visita no barrio do Señal, onde se mantén a tónica dominante dunha arquitectura creada por e para o mar, conformando así un dos conxuntos monumentais máis admirables de toda a costa galega. |

Ruta dos Espazos Naturais
O Carballal de Coiro:
Na parroquia do mesmo nome, representa unha das máis importantes masas de bosque autóctono da costa sur de Galicia. Para acceder a el, pódese facer por varios lugares. Por unha banda, vindo de Bueu cara a Cangas polo interior, ou sexa, pola PO-315, xusto ao chegar ao chamado Alto da Portela, collemos un desvío á esquerda que vai cara á ermida de San Cosme.
Se continuamos por aí, irémonos penetrando aos poucos na fraga, pasando pola fervenza do río Bouzós, que nace na zona de Ermelo. Outro xeito de chegar bastante fácil é subir ata a fermosa igrexa de Coiro e coller o camiño que continúa pola parte traseira da mesma. Atravesamos unha corredoira en forte pendente que conflúe coa pista principal que vén desde San Cosme. Por aí atoparemos varios cruces de camiños que levan ao monte da Pena, ao da Paralaia ou ao de Ermelo.
... ampliar información
A Ría de Vigo amosa o visitante os practicamente virxes areais de Nerga, Viño e Barra, enmarcados por extensos campos de dunas e de grande diversidade biolóxica. Esta reserva ecolóxica ten a súa continuación nos cantís da Costa da Vela. O resultado é un Espazo Natural, constituido pola Costa da Vela, Cabo Home, Nerga e Barra, que tanto polas numerosas especies que agachan como polo seu paradisiaco aspecto, foi declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC).
As vistas da Costa dá Vela ou Soavela, cos cantiis, e as Illas Cíes, son de incomparable beleza...
... ampliar información

Visita o Cruceiro de Hio
Pola estrada de Cangas a Bueu, antes de chegar a Aldán, desviamonos a esquerda por un cruce que pon Hio e seguimos as indicacións da igrexa de O Hío.
San Andrés de Hío é unha igrexa moi interesante pola súa antigüidade. A igrexa é un compendio de moitos e variados estilos resultado das alteracións e modificacións que sufriu ó longo da súa historia. Do Románico mantén a decoración da fachada, os canalóns do tellado e a súa planta de cruz latina. O interior presenta bóvedas de aresta góticas combinadas coas barrocas de casetóns- no cruceiro e na capela maior- que nos recordan a San Martín Pinario en Santiago de Compostela.
A súa orixe románico pode descubrirse aínda hoxe na súa portada. Presenta unha estrutura abucinada que se acentúa mediante dúas arquivoltas de medio punto de dobre bocel apoiadas nunha imposta. Os capiteis son de decoración vexetal excepto un con talla de lazos. Os fustes das columnas son lisos, con bases toscanas. A arquivolta exterior, que pecha o conxunto, ten forma de banda de pequenos boceles con decoración de billetes en aresta.
O tímpano centra todo o noso interese tendo en conta o motivo representado: a X de Xristus. A ambos os dous lados desta, figuras de nenos sostendo un libro ou instrumentos.
Os motivos dos canalóns son idénticos ós de Santa María de Cela.
A Igrexa de Hío é importantísima polo seu famoso cruceiro, obra do mestre Cerviño. O cruceiro, como sinala Hipólito de San Bravo, é un poema de teoloxía escrito en pedra.
É, quizá, o cruceiro máis importante dos que se conservan en Galicia. A orixinalidade e grandeza da obra é patente para o visitante.
De finais do século XIX (1872), a escultura é marcadamente barroca polo aire teatral que lle imprime aos seus conxuntos o autor.
... ampliar información

Mapas e Sendas
Puntos de Interese, estradas, autoestradas,...(218 KB)
 Senda Costeira - Areamilla..(119 KB)
Bandeira azul Senda Costeira - Cabo Home..(119 KB)

|