|
Semana Santa 2012
De Interese Turístico Galego
Pinchar para ver cartel
Ver programa
Introducción
A Semana Santa de Cangas, declarada de Interese Turístico Galego, é de renomeada solemnidade en toda a comarca, sendo a máis importante da provincia.
A vistosidade das súas procesións, o recollemento dos fieis e as artísticas imaxes, fan da Semana Santa en Cangas, unha manifestación do vivir dun pobo mariñeiro que ó longo da súa historia foi enriquecendo unha maneira de senti-la súa devoción relixiosa, con sensibilidade e bo gusto.
A orixinalidade das imaxes articuladas, na procesión do “Encontro” e o “Descendimento” son unha mostra do querer vivi-la Pasión de Cristo da maneira máis real.
A Semana Santa en Cangas comenza xa o Venres de Pasión coa festividade da Stma. Virxe das Dores, de grande arraigamento na vila, ata o punto de ser declarada festa local a tódolos efectos. Culminan os actos litúrxicos, este día, cunha magna procesión da Virxe nun artístico “trono” baixo palio.
O Domingo de Ramos celébrase a bendición das palmas e a procesión ata o Templo, coa imaxe de Xesús montado nunha borriquilla.
O Mércores Santo sae a Procesión da “Soledad de María” acompañada por Tambores Cofrades.
Son as mulleres do municipio as que acompañan a Virxe na súa soidade polo Casco Vello de Cangas, facendo unha parada no Eirado do Sinal, onde se realiza unha ofrenda floral
O Xoves Santo pola tarde, sale o “Paso da Mesa”, que representa “A Última Cea”, con productos naturais.

Paso da Mesa |

Procesión ata o templo |
Tamén están o paso de “A Oración na Horta” e o de “A Flaxelación”, fermoso conxunto de tres imaxes, cerrando a procesión o “trono” da Virxe das Dores baixo palio.
O día cume da Semana Santa comeza coa procesión matutina conocida como A Negación de San Pedro. O máis notable desta procesión é que busca comprometer á xuventude coa Semana Santa, así a imaxe de Pedro é acompañada principalmente por xente nova e levada ao redor dos Xardíns de J. Félix Soage Villarino.

O Nazareno |

Imaxes |
Ó mediodía celébrase no centro do pobo a procesión do “Santo Encontro”. O predicador vai relatando a pasaxe histórica, e das diferentes rúas que conflúen na praza van aparecendo as imaxes: San Xoan, A Verónica, María Magdalena, María Cleofás, María Salomé e a Stma. Virxe das Dores.
O Nazareno, acompañado do Cirineo e de saións romanos, cae tres veces (un sistema de articulación fai que a imaxe caia e se levante). A Verónica extende o sudario e aparece a face de Xesús. San Xoan estende o seu dedo e sinala o camiño á Virxe

Procesión |

Procesión |
Pola tarde, no templo, ten lugar a ceremonia do “Descendimento”, onde é “descravado” o Cristo e depositado nunha furna de cristal. Esta preciosa imaxe é articulada nos seus brazos, e o acto convírtese nunha escea de emotivo realismo.
Pola noite, celébrase a procesión do “Santo Enterro”. As imaxes de San Xoan, as Piadosas Mulleres, o paso impresionante de Xesús Crucificado, o paso da Piedade, a urna co Cristo Xacente e o fermoso trono da Virgen da Soedade, pechan esta procesión.

Procesión |

Procesión |
O Sábado Santo é o día da sepultura de Xesús, o día de espera litúrxica e silenciosa xunto ó sepulcro.O templo parroquial prepárase para o velatorio co altar espido e as luces apagadas. As imaxes da Santísima Virxe dos Dolores, xunto con San Xoan, María Magdalena, Verónica e as Piadosas Mulleres velan a Xesús.
Respírase un ambente de fervorosa espera chea de paz e cargada de esperanza. E como remate da Semana Santa, sae a Procesión do Silencio, ás doce da noite do venres, na que o Cristo do Consolo é acompañado nun absoluto silencio polas nosas rúas.

Cofradias
Irmandade da Virxe das Dores e da Soidade
A Venerable Irmandade da Stma. Virxe dos Dores foi fundada no ano 1748, a instancias do prior da Colexiata de Cangas, Don Ramón Tabarés Saavedra, que encomenda ó R.P. Juan de Cenzano, da Compañía de Xesús do Colexio de Pontevedra a súa constitución.
Esta Confraría, chamada tamén da “Boa Morte”, absorbe no seu día á xa existente da Soidade, con tódolos seus bens e caudais, e disfruta de indulxencias plenarias dadas por los papas Clemente XI, Inocencio XI e Benedictino XIII. Na actualidade, a Irmandade da Virxe das Dores e da Soidade, conta con máis de dous mil irmáns e constitúe a súa festividade, o Venres de Pasión, un dos maiores acontecementos litúrxicos da parroquia.
A súa imaxe titular, a Virxe das Dores, é unha fermosa talla das chamadas de “vestir” e data de 1805. Cando a Desamortización de Alvarez Mendizábal, as rendas desta congregación foron destinadas ó sostemento da única escola de nenos que tiña a vila e a imaxe foi aloxada no Salón de Sesións do Concello ata o ano 1919, no que é gardada nunha casa particular, dende onde en piadosa rogativa é levada tódolos anos ó Templo para a celebración do solemne Septenario na súa honra. Tamén é propiedade desta cofradía a Virxe da Soidade, imaxe de grande fermosura que data do século XVII e o precioso Cristo de Minerva, maravillosa escultura realizada en madeira de buxo e de autor anónimo.
Asociación do Santísimo Cristo do Consolo
A invasión de piratas turcos e alxerinos, naquel triste día do 9 de decembro de 1617, en que foi arrasado e queimado o templo parroquial cos seus arquivos e imaxes a excepción do Cristo “que non quixo arder”, deixáronnos sen datos suficientes sobre a antigüidade desta Cofradía, que se cree é moi anterior a súa fundación. Temos algunha referencia do ano 1607 na que se denomina Cofradía da Fabricación do Santo Nome de Xesús, posto que a Fábrica da Igrexa apenas tiña rentas i era esta Cofradía a que provía todo o necesario.
É o 27 de abril de 1865, despois de cento cincuenta anos de silencio e inactividade, cando se constitúe formalmente a Cofradía do Bo Xesús o Sto. Cristo do Consolo, que perdura ata os anos cincuenta, no que por desavenencias entre a Xunta Directiva e o entón cura párroco, é disolta. No año 1990 promóvese de novo a constitución da actual Asociación.
A súa imaxe titular é o Cristo do Consolo, patrono da vila de Cangas. É unha talla de Xesús crucificado, de magnífica realización e obra do escultor de Santa Cristina de Cobres, Xoan Pintos, no ano 1769.
Os cultos na súa honra celebrábanse antigamente no triduo de Carnaval, pero despois da refundación no ano 1865, trasládase a súa festividade ó último domingo de agosto, con misa de exaltación da Cruz, e saíndo en solemne procesión, lucindo un valioso dosel bordado en ouro e pedrería.
Na Semana Santa, a impresionante imaxe do Cristo do Consolo, sae tamén o Venres Santo pola noite, pero esta vez sen dosel, resaltando así a figura do Crucificado, nun paso que inspira gran recollemento e admiración.
Confraría da Misericordia
A Confraría da Misericordia foi fundada polo Gremio de Mareantes da vila de Cangas no ano 1709. O seu fin era atende-las necesidades espirituais dos traballadores do mar. A imaxe titular desta antiquísima Cofradía é a de San Xosé, abogado da Boa Morte, e a da súa patroa por excelencia, a Virxe do Carme.
Dado o lóxico arraigamento desta Confraría nun pobo mariñeiro como Cangas, o seu poderío social i económico de entonces, gracias á súa participación nas partes da pesca de cada unha das embarcacións da vila, os cultos da vida relixiosa do pobo, teñen neste gremio un interesante impulsor. É a fins do século pasado cando, por encargo da confraría da Misericordia, ó mestre Cerviño, autor do coñecido “Cruceiro do Hío”, se lle encomenda unha importante labor, que cun equipo de carpinteiros i ebanistas voluntarios, renovasen as imaxes que ata a data saían procesionalmente en Semana Santa. Sería moi extenso describir eiquí a cantidade de episodios e anécdotas que se deron naquel taller-escola improvisado para un so fin, a Semana Santa articulada de Cangas.
Entre as tallas –“A Mesa dos Apóstoles”, o paso “Das Caídas” ou do Nazareno, co Cirineo e o centurión romano, paso éste articulado (Xesús cae e se levanta tres veces e ó centurión se lle moven os ollos), “As Marías “ San Xoan, “A Verónica” e “A Magdalena”- destaca a súa obra cume: “O Cristo do Descendemento”, articulado tamén e verdadeiro estudio anatómico da figura humana. Todas estas fermosas imaxes, froito do xenio dun autodidacta e do sentir dun pobo, fan que a Confraría da Misericordia, sexa a que ó longo dos anos ten contribuido máis ó realce da nosa Semana Santa.
Agrupación de San Pedro
Foi fundada no 2003 por entusiastas da vila de Cangas que quixeron profesionar a figura de San Pedro, imaxe titular da mesma. Esta imaxe de estilo barroco e unha das máis representativas coas que conta a ExColexiata de Santiago de Cangas, é acompañada na madrugada do Xoves ó Venres Santo polas rúas da vila.
Grupos de xovenes, na súa maioría, acompañan con velas e antorchas a imaxe do Santo que se desplaza baixo o son do retumbar dos tambores. Trátase do prólogo do Venres Santo que se inicia coa celebración do Santo Encontro.

|